As colareiras de O Grove: a xoia que naceu nunha praia

As colareiras de O Grove: a xoia que naceu nunha praia


Hai unha praia en O Grove, a de San Vicente, onde dende principios do século XX as mulleres atoparon nas cunchas que deixa o mar unha forma de arte. Chámanse colareiras, e o seu oficio —centenario, artesán e profundamente feminino— está hoxe recoñecido como Artesanía de Galicia.

Da illa da Toxa ao recoñecemento como Xoiería Artesá

A historia das colareiras está ligada á illa da Toxa dende hai máis dun século. Montse Betanzos, colareira de catro xeracións, representa a continuidade dunha familia adicada á xoiería con cunchas de mar e leva anos traballando por dignificar e profesionalizar un oficio tradicional que estivo ao bordo da desaparición.

De adolescente, Betanzos tiña que acompañar á súa avoa, nai e tías a vender os colares á illa da Toxa, nun momento no que este traballo, malia xerar ingresos reais para as familias, carecía de prestixio social. Foi a primeira en conseguir a carta de artesá, e despois dela fixérono a súa nai, as súas tías e outras colareiras.

Un proceso que comeza na area

Cada peza, feita a man e por tanto distinta de calquera outra, comeza coa recollida de caracolas e cunchas na praia, nun traballo selectivo: o que non se necesita non se colle, e a criba realízase na propia praia para respectar o contorno. Despois, no taller, trátanse para que collan brillo, e a partir de aí comeza a creación: hai modelos tradicionais que xa facía a avoa de Montse Betanzos, e outros que parten das tendencias actuais.

Hai tres ou catro décadas, máis de 150 colareiras mantiñan viva a tradición; hoxe non chegan a 50 as mulleres que seguen vendendo na illa. É por iso que o traballo de poñer en valor o oficio —máis aló do souvenir turístico, cara a unha xoiería recoñecida como tal— ten tanto peso.

Por que está en Galerías Fetén

Cando seleccionamos unha peza, buscamos que detrás haxa un oficio, unhas mans e un territorio recoñecibles. As xoias de Montse Betanzos cumpren as tres cousas: nacen na ría, pásanse pola criba dunha persoa que sabe distinguir cada cuncha, e levan o nome dunha tradición galega que merece seguir contándose.

Podes ver a selección de Montse Betanzos na nosa colección en tenda ou na rúa Elduayen, no Casco Vello de Vigo.

Older Post Back to News Newer Post